O meu nome é Iria Taibo
e son tradutora, revisora e intérprete.
Estudei Tradución e Interpretación na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, coa combinación lingüística de galego/inglés/portugués. Pasei un ano na Facultade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa, cunha bolsa Sócrates-Erasmus.
Dedícome a tempo completo á miña profesión como traballadora autónoma desde outubro de 2013, e desde entón colaboro con varias axencias de tradución, editoras e outros clientes directos en interesantes proxectos.
Traballo como tradutora nos ámbitos do turismo-gastronomía-enoloxía e a tradución técnica (ensaios non destrutivos, por exemplo), mais tamén participo en proxectos de documentación empresarial de tipos moi diversos (financeiro, legal, formación interna, relatorios de todo tipo, etc.).
Como intérprete, traballo sobre todo no ámbito empresarial e en proxectos de asistencia en visitas, reunións, etc.
Como revisora, colaboro en proxectos xestionados para axencias ou para clientes directos.
No caso dos clientes empresariais, podo xestionar todo tipo de proxectos lingüísticos, sexan ou non do meu ámbito de especialización ou das miñas linguas de traballo, xa que conto cunha rede de colaboradores formada por compañeiras e compañeiros do sector.
Son socia da AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Aptrad (Associação Portuguesa de Tradutores e Intérpretes) e Asetrad (Asociación Española de Traductores, Correctores e Intérpretes).
Antes de ser tradutora...
Cando rematei os meus estudos, tiven traballos no ámbito privado (como teleoperadora de portugués) e público (no Concello de Oleiros), mais o máis importante foi na Mesa pola Normalización Lingüística, entre 2005 e 2013. En todo caso, sempre tiven o obxectivo de dedicarme a tempo completo ao meu, que é a tradución.